Foron sementadas en data 3 de xullo de 2026 un total de 657.334 unidades de ameixa xaponesa, de entre 15 e 18 mm, dende a embarcación de Lonxa de Campelo AIE —entidade na que participa esta confraría— co obxectivo de repoñer as existencias perdidas consecuencia do descenso moi notable na produción de ameixa nos Plans de Xestión de marisqueo a Pé e a Flote da zona interna da Ría de Pontevedra.

Esta acción de rexeneración, que suma 526 kg, serve para reforzar os labores de rexeneración que os colectivos de marisqueo a pé e a flote veñen realizando ao longo do presente ano.

O investimento realizado acadou un importe de 11.832 €, desenvolvéndose ao abeiro das axudas desenvolvidas consonte á ORDE do 18 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se realiza a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños, tramitada como anticipada de gasto (código de procedemento PE209H).

